# Política de privacidade

> Que datos trata LibreQuenda (a web, a demo e a app de Android), para que, con quen se comparten e os teus dereitos.

Última actualización: 9 de novembro de 2026

Esta política explica que datos persoais tratamos en librequenda.app, na demo (demo.librequenda.app) e na app LibreQuenda para Android publicada en Google Play (gal.tribo.librequenda), para que, con quen se comparten e que dereitos tes, segundo o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) e a Lei Orgánica 3/2018.

## Quen é responsable

Tribo Solutions (tribosolutions.es), que desenvolve LibreQuenda. Podes escribirnos a contact@tribosolutions.es.

LibreQuenda é software libre: cada concello pode instalalo no seu servidor e publicar a súa propia app. Nese caso o responsable é ese concello, coa súa propia política de privacidade.

## Esta web

librequenda.app non usa cookies, analítica nin rastrexadores. O teu navegador pídelle a GitHub o número de estrelas do proxecto, así que GitHub recibe o teu enderezo IP. O servidor garda rexistros técnicos (enderezo IP e páxina pedida) só para a seguridade e o funcionamento.

## Que datos trata a app

Conta: o teu nome, o teu correo e o contrasinal, xestionados polo noso servizo de inicio de sesión (Zitadel, nos nosos servidores). O contrasinal gárdase cifrado e nunca o vemos.

Perfil: data de nacemento, teléfono, foto (opcional) e idioma.

Uso: as túas reservas, as partidas ás que te unes, os rexistros de entrada, as ausencias, as incidencias que comunicas, os avisos, as votacións nas que participas e as túas preferencias.

Localización: só cando a pides, para amosar distancias ou comprobar que estás na instalación ao rexistrar a entrada. Compróbase no momento e nunca se garda.

Cámara: só para ler o código QR da porta ao rexistrar a entrada. As imaxes non se gardan nin se envían.

NFC: só para ler a etiqueta da instalación ao rexistrar a entrada.

Notificacións: os recordatorios das túas reservas prográmanse no propio teléfono.

A app non recolle os teus contactos, ficheiros, identificadores publicitarios nin datos doutras apps, e non leva SDK de publicidade nin de analítica.

## Para que

Para xestionar as túas reservas e comprobar os requisitos de cada instalación (como a idade mínima), rexistrar a túa entrada, enviarche avisos e recordatorios e amosarche «Para ti» a partir das túas reservas.

Os concellos ven estatísticas de uso agregadas, sen datos de persoas concretas.

## Base legal

Prestarche o servizo que pides (art. 6.1.b RXPD). O opcional, como a foto, os correos ou «Para ti», depende de ti e podes cambialo nas preferencias.

## Con quen se comparten

Non vendemos nin cedemos os teus datos e non os usamos para publicidade.

O persoal do concello onde reservas ve o teu nome e as túas reservas nas súas instalacións. Nas partidas públicas, as demais persoas ven o teu nome. Ningún concello ve as reservas doutro.

Provedores que tratan datos no noso nome: Amazon Web Services aloxa os servidores en España (rexión de Madrid); Google envía os correos de confirmación e os recordatorios; OpenStreetMap serve o mapa, así que recibe o teu enderezo IP e a zona que miras cando o abres. Google Play distribúe a app segundo a súa propia política.

## Canto tempo

Mentres teñas conta. Se a eliminas, bórranse os teus datos persoais, as reservas futuras cancélanse e as pasadas quedan sen ninguén asociado, só para as estatísticas.

O rexistro do que fan as persoas administradoras gárdase ata dous anos; os rexistros técnicos do servidor, o tempo xusto para a seguridade.

## Eliminar a túa conta

Na app ou na web: O meu perfil → Os teus datos → Eliminar a miña conta. Tamén podes pedirnolo en contact@tribosolutions.es desde o correo da túa conta, e eliminámola nun prazo de 30 días.

## Os teus dereitos

Podes acceder aos teus datos, corrixilos, eliminalos, descargalos (no teu perfil, «Os teus datos»), opoñerte ao seu tratamento ou limitalo. Escríbenos a contact@tribosolutions.es para calquera deles.

Se cres que non os tratamos ben, podes reclamar ante a Axencia Española de Protección de Datos (www.aepd.es).

## Menores

Para crear unha conta cómpre ter 14 anos ou máis. As persoas menores de 14 anos necesitan o consentimento dos seus pais ou titores.

## Seguridade

As conexións van cifradas (HTTPS), cada persoa só accede ao que lle corresponde e as persoas administradoras entran con verificación en dous pasos.

## Cambios

Se esta política cambia de forma importante, avisarémolo na app antes de que se aplique.

Dúbidas sobre a túa privacidade: contact@tribosolutions.es
